Deste xeito pronunciouse Marianela Rodríguez, Xerente da firma Gesuga, con motivo da súa participación no programa “Ecovoz”, emitido por Radio Voz Galicia.

No decurso da súa intervención, lembrou a crise ocasionada pola encefalopatía esponxiforme bovina, na que enmarcou a actividade desenvolvida desde entón por Gesuga, entidade encargada do correcto tratamento dos subprodutos que deben ser retirados da cadea alimentaria, obtendo fariñas cárnicas que se entregan a xestores autorizados para a súa destrución.

Explicou que a empresa recolle todo tipo de animais, maioritariamente os procedentes de explotacións gandeiras, tanto sexa vacún como ovino, caprino ou equino, incluíndo igualmente aos animais domésticos e de clínicas veterinarias, así como os produtos alimentarios incautados en aduanas.

Móstrase convencida de que o selo de calidade constitúe o principal aval do desempeño sostíbel dunha empresa, tendo en conta que obriga a unha mellora continua.

Cerceda, a 31 de maio de 2016.- Nunha entrevista concedida a Radio Voz, dentro do programa semanal de corte ambiental Ecovoz, Marianela Rodríguez, Xerente de Gesuga, firma centrada no tratamento de subprodutos cárnicos non destinados ao consumo humano, falou dos inicios desta compañía, que saltou a primeira liña empresarial a raíz do coñecido como “mal das vacas tolas” (encefalopatía esponxiforme bovina), marcando un antes e un despois.

Do que se trata, tal e como explicou, é de “procesar aqueles subprodutos que deben ser retirados da cadea alimentaria, garantindo que non volvan á mesma”. De feito, indicou que actualmente estes materiais non poden ser comercializados para pensos, extremo prohibido pola lexislación vixente.

A planta púxose en marcha en 2005, contando entón cunha capacidade para procesar ao redor de 10 toneladas/hora, que a día de hoxe xa foi duplicada, alcanzando as 20 toneladas/hora.

Lembrou que, antes da crise das vacas tolas, o tratamento que recibían estes residuos era o enterramento dos mesmos en explotacións gandeiras. Agora Gesuga recólleos, facendo igualmente provisión dos mesmos en matadoiros, áreas de despece e, en xeral, industrias alimentarias.

Tras o proceso de transformación na empresa cercedense, a partir destes subprodutos obtéñense fariñas cárnicas (arredor de 50 toneladas diarias), que se entregan a xestores autorizados para a súa destrución. Actualmente destínanse a cementeiras, que as utilizan como combustíbel.

Respecto das graxas animais (20 toneladas diarias aproximadamente), estas teñen dous destinos: queimalas para xerar enerxía térmica (vapor) ou envialas a plantas autorizadas de biodiesel.

FIRME APOSTA POLA CALIDADE DO SERVIZO

A xuízo da Xerente de Gesuga, practicamente todas as empresas están concienciadas coa necesidade de protexer o medio ambiente, ámbito no que se desenvolven as nosas vidas. Por iso é polo que se concede moita importancia ao seguimento e control da actividade industrial.

Móstrase convencida de que o selo de calidade é un distintivo que acredita a imaxe das compañías dentro e fóra do país, identificando aqueles aspectos que poden ser mellorados: optimizar o servizo prestado ao cliente, aforrar combustíbel e enerxía, mellorar a situación laboral, persoal e de conciliación familiar de cada traballador etc. “Todo o que é controlábel, sempre é mellorábel a longo prazo”, apuntou.

Explicou que Gesuga recolle todo tipo de animais, maioritariamente os procedentes de explotacións gandeiras, tanto sexa vacún como ovino, caprino e equino. Pero a súa actividade exténdese tamén á recollida de animais domésticos e de clínicas veterinarias, facendo mesmo recollidas en aduanas de produtos alimentarios que, por diversas circunstancias, refúganse, caso de que se detecte algún problema como pode ser a salmonella. “Garantimos que todo os subprodutos son destruídos e eliminados de tal forma que se impide a incorporación dos mesmos á cadea alimentaria”.

En canto ao custo do servizo, Marianela Rodríguez precisou que a empresa cobra por quilo. “No caso de explotacións gandeiras, os prezos xa están establecidos; no caso dos servizos prestados a clínicas veterinarias ou ben a un particular ao que lle morre unha mascota, todo dependerá do desprazamento que haxa que realizar e da urxencia. Se podemos aproveitar rotas, loxicamente o servizo resultará máis asequíbel”. De todos os xeitos, clarificou que é un custo “asumíbel para o cidadán”.

Radio Voz, 31 de maio de 2016