Romanía é outro dos mercados potenciais para o sector, no que xa está presente Sogama.
Visecorsa construirá tres plantas para recoller as reses mortas en catro provincias do país.

A crise das vacas tolas, que ameazou a toda Europa hai xa case dez anos, marcou un cambio sen marcha atrás no mundo gandeiro. A prohibición de queimar ou enterrar reses non só xerou a aparición dun sector dedicado á xestión dos residuos animais, senón que, ademais, a normativa está forzando cambios radicais nos países recén integrados na UE. É o caso de Polonia, onde a firma galega Visecorsa prepara o seu desembarco para xestionar todos os refugallos animais das granxas en catro provincias, entre elas a de Varsovia. Será unha das primeiras empresas galegas que se implanten no xigante mercado eslavo, aínda moi vinculado á gandeiría, para o que conta coa colaboración dun socio local. O proxecto, que xa está en marcha, suporá a creación de tres plantas de tratamento de residuos animais, cunha inversión estimada de 60 millóns de euros e que, previsiblemente, entrarán en funcionamento, a principios do 2008.

Un país sen experiencia

«Alí agárdanos moita actividade. Hai que pensar que, a día de hoxe seguen queimando e enterrando as reses e a lexislación europea obrígaos a comezar a xestionar os refugallos doutro xeito, algo no que non teñen experiencia», explica Ramón Devesa, xerente da sociedade que se implantará en Polonia. Visecorsa da así un salto na diversificación da súa actividade, centrada principalmente en Galicia na recollida de refugallos derivados do tratamento da madeira.

Romanía é outro dos mercados potenciais nos que podería introducirse tecnoloxía galega de xestión de residuos cárnicos. Neste caso, sería a empresa Gesuga (participada por Artabra, Coren e a propia Visecorsa), precisamente a acreedora da concesión para recoller reses mortas en Galicia até o 2014. Segundo sinalaron fontes da empresa, de momento só houbo conversacións e «un verdadeiro interese» por ambas partes, pero aínda non hai nada concreto. Sogama abriu o camiño para a entrada en Romanía das empresas do sector ambiental galego. A firma farase cargo da asistencia técnica nunha das rexións do país na que se porá en marcha un proxecto piloto de xestión de residuos.