Os responsábeis do arquipélago portugués están interesados en pór en marcha unha planta similar.

Unha ampla comitiva do goberno das illas Azores, formada por políticos e gandeiros e encabezada polo director xeral de Desenvolvemento Agrario do arquipélago, Joaquim Mario Grilo Pires, visitou onte as instalacións da Xestora de Subprodutos de Galicia (Gesuga), no lugar de Areosa, na parroquia cercedense de Queixas.

Acompañados polo xerente da sociedade, Ramón Devesa, os portugueses percorreron toda a planta e coñeceron de primeira man o sistema de xestión de residuos cárnicos que se leva a cabo en Galicia, xa que o obxectivo dos visitantes é pór en marcha un programa similar nas Azores, onde os cadáveres e restos de animais son enterrados en vertedoiros.

Guiados por Devesa, a comitiva lusa comprobou como funciona o sistema de recollida (52 camións circulan a diario por Galicia e transportan entre 700 e 800 animais) e qué tratamento receben os máis de 140.000 quilos que cada día chegan á planta cercedense. Nas instalacións de Areosa, as reses mortas en granxas por motivos descoñecidos e os restos de despeces realizados en matadoiros que non serven para a alimentación son destruídos con todas as garantías de seguridade.

Cemento e combustíbel

Na planta, que traballa as 24 horas do día, os residuos transformanse en enerxía e nunha pasta que posteriormente recollen e utilizan as empresas cementeiras. Unha vez que o animal entra na planta, os refugallos son sometidos a unha sesión de cocido, prensado e deshidratado que elimina o risco de que eses restos acaben formando parte dunha alimentación inadecuada de outras reses, o principal perigo de que se transmita o prión causante da enfermidade das vacas tolas.

Desa masa prensada, informe e inútil, saen dúas totalmente aproveitables e auga, que se envía a unha depuradora para eliminar todos os posíbeis residuos contaminantes. A graxa, 80 toneladas por día, convertese na enerxía biocombustíbel que nutre a propia planta de Gesuga.

Por último, a fariña resultante do cocido e prensado da carne e osos cárgase en camións de cementeiras que semanalmente se abastecen en Cerceda desta materia prima para crear masa de construción.

O sistema de Gesuga deixou gratamente impresionados aos integrantes da expedición das Azores e o director xeral de Desenvolvemento Agrario do arquipélago asegurou que «trátase dun proxecto moi útil ambientalmente e quedounos claro que resolve os grandes problemas que provocan os residuos agropecuarios, é un sistema moi limpo e ten un grande aproveitamento enerxético». Na súa opinión, e aínda que a produción cárnica das illas non é tan elevada como a de Galicia, o método de Gesuga sería perfectamente exportábel ás illas. «No noso caso as reses entérranse ou, no mellor dos casos, o problema dos refugallos resólvese a través da incineración, un proceso enerxético moito máis caro e no que non hai un aproveitamento como o que temos visto aquí», asegurou Joaquim Pires, quen concluíu que a visita a Cerceda resultara «moi interesante».