Marianela Rodríguez (Ferrol, 1970) é a xerente de Gesuga, Xestora de Subprodutos de Galicia, con sede en Cerceda.

– Cómo nace Gesuga?

-Nace no 2002, sobre todo por mor da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina, o que todo o mundo coñece como o mal das vacas tolas. Este punto marcou un antes e un despois no tratamento dos subprodutos cárnicos. A isto dedicámonos, ao tratamento dos subprodutos.

– Contan ademais cunha planta de transformación de categoría un. Qué significa isto?

-Os subprodutos teñen diferentes categorías. A categoría un trata de procesar aqueles subprodutos que teñen de saír da cadea alimentaria, é dicir, trátase de lle dar un proceso que garanta que non volven á cadea alimentaria.

– Desde cando funciona?

-Desde o ano 2005. Cando se iniciou procesabamos arredor de 10 toneladas por hora e agora 20. Temos capacidade para 400 toneladas diarias aproximadamente.

– Axúdase deste xeito ao medio ambiente?

-Pois si, habería que pensar que estes subprodutos, se non se lles dese este tipo de saída ou tratamento, terían que ter outro destino. Antes da entrada en vigor do regulamento do 2002, o que se estaba a facer maioritariamente era o enterramento, en canto a explotacións gandeiras se refire. Nós, ademais de subprodutos en explotacións gandeiras, tamén recollemos en industrias alimentarias. Habería que pensar que pasaría con estes subprodutos; antigamente os que saían da cadea de alimentación tiñan un destino directo a graxas e fariñas, que son os subprodutos resultantes, entrando de novo ao que é a cadea alimentaria, comercializándoos para pensos. Actualmente está prohibido, no que á categoría un se refire.

– Que produtos se obteñen da transformación?

-Fundamentalmente dous, as fariñas cárnicas e as graxas animais. As fariñas cárnicas, por lexislación, por ser da categoría un, e para garantir que saen da cadea alimentaria destínanse á incineración, a uns xestores autorizados. Actualmente son fundamentalmente as cementeiras, que o utilizan como combustíbel. Incinérano xerando digamos, como un sistema de combustión. Coas graxas animais nós temos dous destinos. Por unha banda o propio, o que utilizamos nós para queimalas e xerar enerxía térmica, vapor; ou ben enviámolas a plantas autorizadas de biodiésel.

– Canta cantidade de subprodutos valorizábeis se producen ao día?

-De fariñas cárnicas, unha media 50 toneladas diarias, e de graxa, 20 toneladas diarias. O que facemos tamén, antes de entrar na cadea de transformación, no que é a cadea de vacún, do que recollemos en explotacións gandeiras, previamente á eliminación realizamos unha extracción da pel. Actualmente estamos a extraer unhas cen peles diarias de vacún, que logo levamos á nosa propia planta térmica de salgado para despois seren comercializadas.

– Como de importante consideran que é que as empresas se conciencien no coidado do medio ambiente?

-Eu coido que todas as empresas pensamos que é fundamental, que todos entremos neste sistema de coidado do medio ambiente, que é no que temos que convivir todos. Hoxe en día creo que a maioría de empresas estamos concienciadas da necesidade de axuda ao medio ambiente.

– Contan ademais cunha declaración sobre calidade, medio ambiente, eficiencia enerxética, sostibilidade e seguridade e saúde no traballo.

-Si, penso que para todos os que compomos esta empresa isto é moi importante. Non só por ter o selo de calidade, que é importante efectivamente, porque é unha imaxe dentro e fóra do país. Cremos que é unha mellora continua, controlar o sistema da calidade, poder controlar todas as actividades… ese proceso de control axúdache a saber onde podes mellorar, onde podes facer fincapé para darlle ao cliente un mellor servizo, aforrar en combustíbel, enerxía térmica, eléctrica, mellorar a situación dos traballadores na empresa… todo o que é controlábel é mellorábel a longo prazo.

La Voz de Galicia, 02 de maio de 2016