Entrevista | Marianela Rodríguez Ferreiroa
A empresa de Cerceda obtén biocombustíbel e fariña para facer cemento dos restos animais das granxas galegas

A crise do mal das vacas tolas púxoos de actualidade, pero os residuos animais son un vello problema do sector gandeiro. A UE esixe un estrito protocolo á hora de desfacerse de restos animais como poden ser o cadáver dunha res ou os refugallos do despece dun matadoiro. Os expertos denominan esta materia coma un subproduto cárnico. A firma Gesuga, con sede en Cerceda, ocúpase da xestión destes residuos.

-Que é un subproduto?

-É o resto dun proceso, aínda que no noso caso convertemos o residuo nun recurso. Sometemos os subprodutos a un proceso de cocción e deshidratación, separando a auga da carne. Conseguimos así unha masa que nós chamamos rixón. Sometemos ese elemento a un prensado do que obtemos unha graxa que logo se emprega como biocombustíbel. Tras o proceso de prensado obtemos unha materia sólida que convertemos en fariña que se usa na elaboración de cemento.

-Tamén xestionan a recollida?

-O gandeiro contacta cun servizo de atención telefónica centralizado en Madrid. A través de Internet recibimos todos os avisos que se producen na nosa comunidade. Eses datos derívanse ao noso sistema loxístico de transporte e acudimos á granxa para retirar a res morta cumprindo uns protocolos hixiénico-sanitarios que garanten o tratamento dos residuos ata a súa chegada a Cerceda. No caso de Ourense contamos cunha planta de transferencia.

-Como evitan os riscos para o entorno?

-Na propia explotación gandeira limpamos e desinfectamos a zona onde se encontraba a res. Tamén se hixienizan os vehículos de transporte antes e despois de efectuar o traslado. Na planta de Cerceda as medidas e os controis multiplícanse. Para nós a bioseguridade da recollida e o tratamento é un dos aspectos máis importantes.

-Cantos residuos procesan na planta?

-Cada día recollemos unha media de cen toneladas de subprodutos en Galicia. Se estes residuos non se procesasen da forma axeitada, estariamos a provocar un gran problema medioambiental.

-Están a investigar na mellora destes procesos

-Si. Estamos traballando en novos sistemas de desinfección de vehículos, deseñando mecanismos automáticos. Para nos é moi importante traballar no I+D.

-Gesuga está a ser un modelo a exportar

-Existen iniciativas para implantar o noso coñecemento e as nosas técnicas noutros países. É o caso de Polonia. Nun curto prazo de tempo esperamos estar presentes nese país e levar alí o know how de Gesuga.