GIRO: Generación, Gestión e Integración de Rotas en OLAP

Descrición do proxecto

O proxecto GIRO ten como finalidade investigar e desenvolver tecnoloxía para crear prototipos innovadores que dean soporte a diferentes procesos de loxística, á xeración de rotas e horarios, así como ao modelado dos datos observados e a explotación dos mesmos nunha contorna de OLAP para apoiar a toma de decisións empresariais.

As seis empresas que participan neste consorcio, aínda que se dedican a diferentes ramas de actividade, teñen que afrontar complexos problemas loxísticos nos seus procesos. Para iso necesitan aplicacións de Mobile Workforce Management (MWM) pero ademais precisan axuda para organizar os roteiros dos seus operarios e darlles ferramentas de soporte ás súas actividades. Por outra banda, todos os datos recollidos polos seus traballadores deberían ser explotados no Data Warehouse da empresa onde se deberían introducir os movementos realizados polos seus operarios para poder considerar futuras optimizacións. Por último, necesitan publicar parte dos datos da súa base de datos para informar a administracións, clientes e outras organizacións.

O estado da arte non aporta solucións para afrontar eses complexos requirimentos. Así, estas empresas, mediante este proxecto, realizarán a subcontratación conxunta dun equipo multidisciplinar do CITIC (informáticos e matemáticos) para que realicen os traballos de investigación, de análise e deseño innovador, e guíen aos seus programadores no desenvolvemento de prototipos experimentais das aplicacións que necesitan.

Por tanto este proxecto ten seis obxectivos verticais xerais, que son crear os prototipos experimentais das seis aplicacións de soporte á xestión e á loxística de cada empresa. Eses prototipos, aínda que diferentes, terán unha arquitectura modular común. A idea é que as aplicacións que se desenvolvan a partir deles non só dean soporte ás empresas do consorcio senón que poidan ser comercializadas a outras empresas dos mesmos ramos de actividade pois cubrirán un baleiro no mercado.

Ademais, o proxecto ten cinco obxectivos transversais tecnolóxicos específicos que articulan os cinco paquetes de traballo coas tarefas orientadas a realizar a investigación, a análise e deseño innovador e a programación e proba de todos os módulos de software dos seis prototipos.

Desenvolvemento do proxecto

O proxecto ten unha duración de 27 meses (do 1 de outubro de 2015 ao 31 de decembro de 2017) e organízase en cinco paquetes de traballo, un por cada obxectivo tecnolóxico específico. En cada paquete de traballo hai tarefas de Investigación e/ou de Análise e Deseño Innovador comúns aos seis prototipos que se realizarán polos investigadores/as do CITIC en colaboración con persoal das seis empresas para a análise de requisitos.

  • Desenvolvemento innovador de Prototipos específicos de Mobile Workforce Management (MWM) adaptados a cada empresa e integrados no ecosistema software da mesma.
  • Investigación en algoritmia de cálculo de rotas/horarios con restriccións espazo temporais e adaptación dinámica a continxencias sobrevidas, con autorregulación mediante aprendizaxe automática.
  • Investigación, deseño e desenvolvemento de algoritmia de recoñecemento de patróns de movementos e xeoposición, para o seu Etiquetado Semántico como “actividades” recoñecidas.
  • Modelado das “actividades” observadas para a súa integración nunha base de datos multidimensional e desenvolvemento de algoritmia específica para a súa explotación OLAP.
  • Investigación en estruturas comprimidas e autoindexadas para a explotación eficiente de datos baixo o estándar RDF Data Cube e modelado dos datos segundo o referido estándar para a súa interoperabilidade publicación e/ou difusión parcial.

Entidades participantes

No proxecto GIRO participan seis empresas e un centro tecnolóxico en réxime de subcontratación que colabora coas seis empresas:

  • Gestora de subproductos de Galicia, S.L.
  • Biogas Fuel Cell, S.A.
  • Grupo On Seguridad, S.L.
  • A0 Mayores Servicios Sociales, S.L.
  • Mugatra Sociedad de Prevención, S.L.
  • Taprega Prevención de Riesgos, S.L.
  • Centro Tecnolóxico da Universidade da Coruña (CITIC)

Financiación pública

Este Proyecto, con nº de expediente ITC-20151247, foi cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) dentro da convocatoria FEDER INNTERCONECTA 2015.

financiacion proyecto giro